A cistite é a infección da vexiga producida, en máis do 80% dos casos, pola bacteria Escherichia coli procedente do intestino. Afecta preto de vinte veces máis ás mulleres que aos homes dado que a uretra das mulleres está máis preto do ano e é máis curta polo que a entrada de bacterias resulta máis doada.
A veces pensamos nunha cistite cando o que se está a producir é unha considerable irritación debida ao uso de roupa interior non transpirable, xeles perfumados,… ou por coller frío. Aínda que estes factores poden favorecer a aparición da cistite, é máis correcto falar de molestias urinarias dado que a verdadeira cistite ten orixe bacteriana.
Os síntomas máis habituais son o picor, sensación frecuente de ter necesidade de ouriñar, dor no acto de ouriñar, parte baixa das costas e baixo ventre, e ouriños turbios de cheiro desagradable. Deben tomarse medidas dende a aparición dos primeiros síntomas dado que, o máis probable, é que se agraven engadindo suba da temperatura corporal e presenza de sangue nos ouriños por mor da propagación das bacterias puidendo chegar a infección aos riles.
Factores que favorecen o padecimento desta infección son:
1.- A alteración da flora intestinal por mor dunha colite, estrinximento, inxesta de antibióticos, presenza de parásitos,…
2.- A fricción producida pola colocación dunha sonda, durante o coito e o parto.
3.- O climaterio e a toma de anticonceptivos orais dados os cambios hormonais que se producen e favorecen a adherencia de microbios e bacterias nas paredes do endotelio urinario e vaxinal.
4.- Alteracións anatómicas como o útero caído.
5.- O estrés (a liberación de adrenalina, corticoides e aldosterona reducen a presenza de glóbulos brancos en sangue).
Cabe mencionar que as persoas que padecen diabete son máis vulnerables a contraer unha cistite dado que o exceso de azucre eliminado nos ouriños irrita a vexiga e o tracto urinario.
Tras padecer unha cistite, moitas mulleres conservan síntomas como a irritación pensando así que teñen cistite crónica. O que está a suceder é que as paredes da vexiga quedan moi erosionadas e vulnerables, polo que a aparición dunha nova cistite é máis probable.
Propoñémosvos esta serie de consellos útiles e recursos naturais de cara a previr e paliar esta infección:
1.- Procurar non reter os ouriños máis de catro horas: canto máis tempo pasa a urina almacenada na vexiga, máis posibilidades hai de que as bacterias se multipliquen. Así mesmo, cando se está a ouriñar, é mellor non botar o corpo cara adiante dado que esta postura dificulta o vaciado da vexiga.
2.- Ouriñar tras o coito para axudar na eliminación das bacterias que puideran entrar.
3.- Limparse de adiante cara atrás procurando empregar papel hixiénico ou toalliñas nin branqueadas nin perfumadas.
4.- Evitar o uso de roupa axustada e de tecidos sintéticos que impiden a transpiración, así como de tampóns de algodón branqueado e xeles íntimos que conteñan perfumes e ingredientes agresivos.
5.- Realizar baños de asento aos que engadiremos unhas gotas de aceite esencial de árbore do té, enebro, pino, sándalo,…
6.- Incluir unha cantidade suficiente de líquidos nos nosos hábitos alimentarios (máis de 1,5 litros diarios de auga).
7.- Reducir o consumo de azucres, néctares e siropes, carbohidratos refinados, alcohol, picantes,… e aumentar o consumo de allo, cebola -alto valor antiséptico e antibacteriano-,  zume de arándanos -propiedades antisépticas, antibióticas e inhibidoras da adherencia das bacterias-, zumes frescos das frutas de tempada -sen azucre nen edulcorantes engadidos-, aceites vexetais e cereais integrais.
Estas pautas xerais de actuación non eximen de que consultedes co voso terapeuta para que personalice o protocolo de prevención e actuación.
Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-