O Sol é imprescindible para o desenvolvemento da Vida. A práctica totalidade dos seres que habitan o planeta Terra precisan da súa luz para o correcto funcionamento das súas funcións vitais. Para os seres humanos, os beneficios da exposición ao sol son numerosos tanto a nivel físico (mellora do estado da pel, sintetización da Vitamina D que axuda a fixar o Calcio nos ósos, estimulación do Sistema Inmunitario, o metabolismo e a depuración interna,…), como a nivel psicolóxico (eleva o noso estado de ánimo fortalecéndonos frontes aos estados depresivos).

Pero a pesar do necesario e beneficioso que nos resulta, o abuso e, sobre todo o mal uso dos baños solares, poden resultar fatais para a nosa Saúde.

ProteccionSolar

O sol emite tres tipos de radiacións electromagnéticas que coñecemos como raios UVC (non chegan á Terra dado que son atrapadaos pola capa de Ozono), UVB e UVA. Diferéncianse entre si pola súa lonxitude de onda.

- Os raios UVB son os que provocan a sensación de calor e o arrubiamento da pel.

- Os raios UVA penetran máis na nosa pel e son os responsables do envellecemento cutáneo e da aparición do cancro de pel.

Os perigos dunha exposición inadecuada maniféstanse primeiramente con eritema (o progresivo arrubiamento da pel), podendo chegar a dexenerar nunha queimadura cutánea. Cando iso sucede, o dano a longo prazo xa está feito. Que non apreciemos quencemento na pel non necesariamente significa que o dano non se esté a producir.

Para evitar desagradables consecuencias, basta con ter en conta certos datos e levar a cabo unha serie de actuacións básicas para desfrutar do Astro rei minimizando os riscos:

1.- O fototipo de pel:

+Pel que se arrubia, pero non se chega a broncear (fototipo I, persoas de tez moi branca e con pencas).

+ Pel que se broncea moi pouco e quéimase con facilidade (fototipo II, persoas louras).

+ Pel que se broncea progresivamente con risco medio de sufrir queimaduras (fototipo III, persoas morenas con pel clara).

+ Pel que se broncea doadamente e rara vez se queima (fototipo IV, persoas morenas).

+ Peles moi bronceadas e pigmentadas (fototipos V e VI, persoas de raza árabe e negra).

2.- O índice UV: é a intensidade de radiación ultravioleta que emite o sol medida nunha escala do un ao dez. Podémos consultalo no seguinte enlace da páxina web da Axencia Estatal de Meteoroloxía http://www.aemet.es/es/eltiempo/prediccion/radiacionuv. Oriéntanos respecto do factor de protección a utilizar.

3.- Factor de protección solar: indícanos a estimación de canto tempo nos permite estar expostos ao sol sen chegar a sufrir eritema, en comparación coa exposición solar sen protección. Dentro da ampla gama de protectores solares que hai no mercado, debemos escoller aquel que nos protexa tanto contra as radiación UVB como contra as UVA.

4.- Filtro solar: é o tipo de fotoprotector presente no produto escollido. Pode ser un filtro físico (tamén denominado mineral), ou un filtro químico.

+ Os filtros químicos son substancias sintéticas que penetran na pel absorbendo os fotóns da luz solar co que os raios xa están dentro dela e, ademais, a absorción dos filtros químicos pode chegar a provocar reaccións alérxicas ou intolerancias. Empezan a facer efecto pasados os trinta minutos tras a súa aplicación e altéranse rapidamente polo que o seu uso debe ser moito máis continuado respecto dos filtros físicos. A maiores, ao ser sintéticos contaminan moito o medioambiente.

+ Os filtros físicos ou minerais son substancias que reflicten a luz actuando fóra da pel, non dende o seu interior. Como non se produce ningún tipo de absorción, resultan moito máis inocuos que os filtros químicos. Son máis estables e a súa eficacia é maior dado que reflicten todas as lonxitudes de onda das distintas radiacións solares. Pola súa natureza de substancias inertes, non alteran o medioambiente.

+ A maiores da protección que nos ofrecen os filtros físicos (e non a falsa protección dos químicos), na industria da COSMÉTICA NATURAL trabállase cunha serie de ingredientes que actúan como segunda barreira de protección: os chamados FILTROS BIOLÓXICOS. Neutralizan os radicais libres producidos polo estrés oxidativo minimizando así que se produzan danos no ADN celular (digamos que se “autooxidan” para atrapar aos radicais libres). As máis empregadas son as Vitaminas A, C, E, as Isoflavonas e Ácidos como o caféico.

Pero a COSMÉTICA NATURAL vai un paso máis aló empregando extractos vexetais e non só principios illados dado que as sinerxias resultan máis efectivas e beneficiosas para a nosa Saúde. Algúns dos ingredientes verdadeiramente naturais que podemos atopar neste tipo de cosmética son:

- Áceites vexetais de Argán, Jojoba, manteiga de Karité: hidratan, nutren, rexeneran, favorecen a síntese de Elastina (ao igual que o Coláxeno, é unha Proteína. O Coláxeno aporta firmeza, e a Elastina a capacidade que teñen os tecidos para estirarse e recuperar a súa forma inicial) e teñen propiedades antiinflamatorias e cicatrizantes cutáneas.

- Aloe barbadensis (Aloe vera): pranta rexeneradora da dermis que tamén absorbe as radiacións solares.

- O Buriti: froita da “Árbore da Vida” procedente da Amazonía moi rica en Ácidos graxos insaturados e Vitaminas A e E.

- A Cenoura: moi rica en Carotenoides, os precursores da Vitamina A.

- A Granada: froita rica en Isoflavonas e Vitaminas C e E.

- Algas: dado o seu alto contido en oligoelementos, aminoácidos, minerais e vitaminas, actúan como unha fonte directa de alimento para a nosa pel. Nutren e tonifican, contribúen a unha boa drenaxe e melloran así a visual e a textura da nosa pel.

5.- Hábitos saudables:

+ Iniciar a exposición ao sol progresivamente. A nosa pel necesita afacerse a recibir a luz natural. A exposición paulatina propicia a activación dos mecanismos de defensa naturais da nosa pel e de síntese da Melanina (substancia química que lle confire ton á nosa pel).

+ Evitar expoñerse ao sol nas horas centrais do día e cando o índice UV sexa alto. Hai que ter en conta que, aínda que nos encontremos á sombra, a luz reflectida en superficies claras como a area ou a neve tamén resulta prexudicial.

+ Aplicar o protector solar con frecuencia: así nos beneficiamos das súas propiedades constantemente. É tan importante elixir un protector solar axeitado como a súa correcta aplicación. Aconsellamos o emprego de produtos con filtro solar (físico e/ou biolóxico) tanto en días despexados como nubrados dado que as radiacións chegan igualmente á superficie terrestre.

+ Beber auga con frecuencia evitando tanto as bebidas azucradas como as alcohólicas dado que nos refrescan no momento, pero realmente nos están a deshidratar. (A auga mantén o equilibrio térmico e axuda á eliminación de toxinas e ao bo funcionamento renal. A Glicosa absórbese de inmediato chegando a provocar cadros de hipoglicemia que se manifestan con cansanzo, debilidade, atordamento, fatiga mental,… O alcohol é un “falso diurético”, fainos orinar en exceso.) Se o sistema de regulación da temperatura corporal satúrase, o risco de deshidratación dispárase.

+ Inxerir unha maior proporción de verduras e froitas frescas na nosa dieta axudaranos a manter a elasticidade da nosa pel e tamén a estar ben hidratados. Un aporte constante e equilibrado de Vitaminas e Minerais confírenlle unha maior resistencia ao noso tecido dérmico e axudan ao correcto desempeño das funcións biolóxicas. (Os Betacarotenos e o Licopeno contidos nas cenorias e nos tomates respectivamente aportan unha considerable cantidade de antioxidantes que ralentizan os efectos nocivos do sol).

+ Acostumarse a utilizar lentes de sol e gorros ou viseiras para evitar o impacto directo dos raios solares en zonas tan sensibles como os ollos e a cabeza. Asemade, ter a man unha camiseta de algodón de calidade (tecido orgánico, a ser posible) é unha boa ferramenta para desfrutar, por exemplo, dun día soleado e ventoso, sen correr o risgo a queimaduras solares ou por abrasión.

Todas estas indicacións deben ser especialmente tidas en conta cos cativos e as persoas maiores dado que son moito máis sensibles aos efectos nocivos do sol.


Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-