“A respiración é un proceso involuntario e automático no que se obtén Osíxeno do aire inspirado e expúlsanse os gases de refugallo co aire espirado.” Esta é unha definición-tipo que podemos atopar en calquera manual de anatomía. Pero imos máis aló, inflúe na nosa Calidade de Vida o xeito, cantidade e calidade do aire que respiramos?

Para vivir, precisamos de tres elementos básicos: os nutrientes contidos nos alimentos, a auga e o Osíxeno. Sen inxerir alimentos podemos sobrevivir varias semanas; sen líquidos, algúns días; sen Osíxeno… apenas uns minutos.

Burbullas de Vida

As células que compoñen todo o noso organismo precisan de Osíxeno para levar a cabo as súas funcións, e a cantidade de Osíxeno que circula polos nosos vasos sanguíneos determina a súa vitalidade e a cantidade de mensaxes entre elas, entre moitas outras accións (o noso interior bule de actividade!).

 

Unha respiración completa contribúe a unha boa ventilación interna que limita a existencia de bacilos e bacterias, por exemplo, nas mucosas pulmonares. Se a inspiración profunda é importante para un bo aporte de Osíxeno, espirar de maneira axeitada tamén inflúe na cantidade de Osíxeno aportado (ao baleirar ben os pulmóns, hai máis espazo para levar a cabo o intercambio de gases).

A nosa respiración pode ser de tres tipos:

- A respiración clavicular: o aire introdúcese nos pulmóns só coa acción dos músculos que moven as clavículas. É a forma máis pobre e deficitaria de respiración… e a que máis molestias de ombros e colo produce.

- A respiración torácica: basicamente, traballan os músculos que mobilizan directamente ás costelas. Os pulmóns énchense só na súa porción media. Respiración típica cando corremos dado que ten que darse un intercambio de gases “rápido”.

- A respiración abdominal: ademais de mobilizarse as estruturas sinaladas nas dúas anteriores respiracións, o Diafragma descende coa inspiración e ascende coa espiración co que os pulmóns énchense máis e millor. Mestres neste tipo de respiración son… os bebés. Indubidablemente, é a respiración máis nutritiva.

Respirar, algo máis que aire

O movemento que se produce durante esta última proporciona unha masaxe interna aos órganos da cabidade abdominal, elastifica as fascias torácicas e o Diafragma evitando a retención de líquidos, e o agravamento das molestias producidas por feitos como o ter unha hernia de hiato.

Unha boa respiración activa o Sistema Linfático e, con el, o Sistema Inmunitario. O Sistema Linfático non posúe un corazón a modo de motor, polo que o movemento da linfa só se activa grazas aos movimentos respiratorios, o exercicio físico e a técnica manual coñecida como Drenaxe linfática.

Cabe destacar a aportación feita por varios traballos do doutor alemán Otto Heinrich Warburg (Premio Nobel de Mediciña, 1931) nos que constatou que, o simple feito de diminuir o aporte de Osíxeno ás células, contribúe a desencadear e/ou acelerar os procesos tumorais ao acidificarse o PH. Para tomar nota…

Actividades de Acondicionamento e Benestar físico no Centro METYS

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-