Calquera persoa ten un coñecemento sobre os seus sentimentos, a súa conduta ou o seu ámbito. Estas crenzas que o individuo entende como reais denomínanse cognicións. As crenzas han de estar en harmonía co que facemos ou fixemos. Cando non se dá consonancia entre ambas as dúas, prodúcese unha tensión psicolóxica manifestada en culpa, enfado, frustración ou vergoña e, igual que a fame, teñen un compoñente de activación fisiolóxica que produce sensacións desagradables.

En 1954, Leon Festinger expuxo a súa teoría sobre a disonancia cognitiva cun exemplo. Se un individuo normalmente vota ao partido A pero gústalle o programa electoral do partido B, sentirá unha tensión psicolóxica que poderá resolver cambiando a conduta votando ao partido B, ou ben pode manter a súa conduta xustificándose cunha desvalorización do estilo “poucos partidos cumpren o que prometen”. Desta forma, a súa acción non cambiará e diminuirá a tensión psicolóxica producida pola contradición coas súas ideas ou percepcións.

A disonancia pode xurdir por múltiples causas:

  1. Inconsistencia lóxica entre crenzas contraditorias (“sei que fumar prexudica” e “sei que son fumador”).
  2. Inadecuación da propia conduta ás convencións sociais (“todo o mundo estaba a facer o mesmo”).
  3. Actuar de modo distinto ao que adoitaba facer antes (“teño débedas” e “sempre me opuxen a ter débedas”).
  4. Facer cousas contraditorias co que se di (“a culpa é doutros, véxome obrigado a actuar así”).
  5. Actuar en contra dunha actitude concreta que está incluída nunha actitude máis xeral (“son ecoloxista e non reciclo os residuos”).
  6. Relacións con persoas que manteñen actitudes contrarias á propia, en aspectos relevantes (“a miña parella ten unha ideoloxía oposta á miña”).

Cando nos decatamos do que fixemos (ou deixado de facer), tratamos de autoxustificarnos para reducir o trauma. Non soportamos manter ao mesmo tempo dous pensamentos ou ideas contraditorias e, automaticamente, xustificamos a devandita contradición, aínda que sexa con novas ideas absurdas. Para satisfacer a necesidade de coherencia podemos autoxustificarnos inventando novas razóns e mesmo empregar novas ideas para solucionar a contradición entre dous puntos ou ideas. Así, no caso do fumador podemos dicir “fumar prexudica aos outros, non a min”
Xustificámonos para protexer a autoestima. Podemos levar a cabo unha xustificación posterior á decisión incrementando a actitude positiva cara á alternativa elixida e desvalorizando a rexeitada, ou xustificalo polo esforzo xa que, cando algo se consegue con grande investimento de enerxía, tempo ou recursos, valórase máis.

Se a actitude de partida é firme e o suxeito se decata da súa importancia, o cambio actitudinal é difícil, utilizándose a trivialización da conduta como mecanismo para reducir a disonancia, pero con pouca probabilidade para o cambio de actitudes. (“Pedir este crédito non ten tanta importancia, non é tanto diñeiro”).
As persoas debemos ter a percepción de liberdade de elección ao realizar a conduta. Se somos obrigados a facer algo contra a nosa vontade, non se produce a tensión, pero… coidado!! autoconvencernos de que nos obrigaron a facer algo tamén pode ser unha autoxustificación!!
Na fábula de Esopo, cando a raposa non alcanza a coller as uvas que desexa, exclama: ” Están verdes!”. Igual que a raposa, todos buscamos resolver a disonancia cognitiva que nos provoca malestar. A disonancia cognitiva explica moi ben a nosa tendencia a xustificarnos. Buscamos sentirnos mellor aínda que, en ocasións, o fagamos a base de non nos dicir toda a verdade.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-