A violencia contra a muller deixou de ser un problema privado para ser un problema social, unha violación dos Dereitos Humanos. Non é algo que dependa da situación económica, social ou baixo nivel cultural, pode darse en calquera tipo de familia. Calquera muller, independentemente do seu tipo de traballo e estilo de vida, pode ser vítima de malos tratos.

É necesario traballar na prevención, identificación e abordaxe dos elementos que interveñen na Violencia de xénero.

Eliminar estereotipos, crenzas, actitudes e comportamentos non é sinxelo. Cando algo quere ser cambiado debe ser antes recoñecido. Para abordar e previr a violencia debemos comprender emocións, pensamentos e comportamentos que conflúen na relación.

As emocións que aparecen con máis intensidade son a rabia, o medo, a vergoña e a culpa. Socialmente, dase unha aprendizaxe segundo o sexo. Así, aos nenos permíteselles exteriorizar a rabia, pero non a tristura, mentres as nenas poden expresar tristura, pero son descalificadas á hora de expresar rabia, inculcándoselles valores de dozura, resignación, pasividade,… a identificar a autorrealización co amor. Así, pode chegar a xustificarse a rabia do home e a tristura e a culpa da muller.  O medo e a vergoña poden paralizar a toma de decisións e impedir saír dunha situación que pon en perigo non só a saúde psicolóxica, senón a propia Vida.

O home agresor posúe crenzas estereotipadas sobre o modelo masculino (fortaleza, poder, competitividade, autosuficiencia) e o feminino (muller dócil, sumisa, sacrificada). Son persoas celosas, con dificultade para expresar as súas emocións e que negan o seu comportamento ou minimizan a súa conduta culpabilizando á muller.

A muller vítima apela ao sacrificio polos demais, a valorar as necesidades dos outros sobre as propias, con tendencia a desculpar, perdoar. Na relación de violencia desenvolverá unha baixa autoestima, dependencia emocional e culpabilización que dificultan tomar decisións asertivas e autoprotectoras.

Os primeiros sinais de desvalorización, culpabilización, control das condutas ou relacións, ridiculización ou desprezo deben ser vistos como manifestacións dunha violencia que non vai diminuir en intensidade ou frecuencia senón todo o contrario. Non poden ser xustificadas en función do carácter, circunstancias ou tradicións, senón como causas de indefensión, destrutivas da personalidade e ata de traumas de recuperación máis lentos que os malos tratos físicos.

Os malos tratos poden ser físicos, psicolóxicos ou sexuais. Para a muller, supoñen unha ameaza á súa vida, o que leva a unha situación de ansiedade, depresión, illamento social, inseguridade, baixa autoestima, dependencia emocional, sentimentos de culpa, vergoña, medo,…

A Violencia de xénero comeza en moitas ocasións polos malos tratos psicolóxicos que conducen posteriormente aos malos tratos físicos.  Leonor Walker, antropóloga estadounidense, describíu o ciclo de violencia en tres fases:

- Na fase de acumulación de tensión, o maltratador móstrase molesto ante calquera comportamento da muller, comezan os insultos, a ira contida. Unha frustración ou conflito cotián xera unha tensión que a muller trata de diminuir evitando facer o que a el lle poida molestar, empeza a culparse a si mesma experimentando confusión e angustia.

- A irritabilidade e tensión aumentan ata pasar á fase de agresión. A sensación de falta de poder do agresor conduce aos abusos físicos, psicolóxicos e/ou sexuais graves. A descarga de agresividade alivia a tensión do maltratador. Cada un afírmase na súa postura: o home no poder, a muller na submisión.

- Logo desta descarga de violencia, xorde unha fase de calma, a terceira do ciclo, a fase de arrepentimento ou de “lúa de mel”. A muller cre nas promesas de que non volverá suceder e de que se producirá un cambio que fará que “a relación funcione”.

Estas fases repítense de modo cíclico pero aumentando, co paso do tempo, en frecuencia, intensidade e perigo, chegando a desaparecer a fase de arrepentimento. A muller sentirá que, faga o que faga, o home actuará con violencia. Esta situación psicolóxica de indefensión conduce á impotencia e á depresión. Canto máis duren os malos tratos, con máis gravidade manifestaránse os síntomas que poderán aparecer somatizados en insomnio, dores de cabeza,…

A Violencia de xénero non afecta en exclusiva a mulleres maiores e casadas. Unha terceira parte das mulleres que acoden aos servizos de atención ás vítimas, non cumpriron os trinta anos. Mozas maltratadas que senten que quedaron sen amigos ou enfrontadas ás súas familias se a relación durou moito tempo, cren que é posible querer e maltratar ao mesmo tempo, que os celos son un sinal de amor, que a posesión é amor,… en vídeos musicais, cancións, películas e series de televisión aparecen subliminalmente mensaxes do papel sumiso da muller no amor, do rol de vítima ou culpable nas relacións laborais ou personais.

Convén centrar esforzos na mocidade para erradicar ideas nas que se identifica éxito na vida con ter unha familia así como modelos de amor que non expoñen unha posición de igualdade. Renuncias excesivas, concesións que van máis aló do respeto conforman as relación de dominante e dominado.

Para previr a violencia e construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, é necesario recoñecer e cambiar os estereotipos dos roles de xénero presentes na nosa sociedade, identificar e canalizar as emocións que interveñen nas relacións, e aprender un comportamento asertivo nun contexto de educación en valores éticos e emocionais.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-