A avena, un dos cereais máis completos que podemos atopar no mercado tanto en gran como en copo, apórtanos enerxía gradualmente e axúdanos a ter un corazón sá e forte.

Da avena destaco o seu contido protéico (preto dun 14%), en especial a presencia duns seis aminoácidos esenciais (os que o corpo non pode sintetizar por se mesmo). Combina o gran de avena con legumes e obterás proteínas máis completas e bioasimilables.

AvenaArandanosUnha ración de avena (sobre uns 50 grs.) aporta importantes cantidades de Ferro, Fósforo, Magnesio e Manganeso (entre 15-30%), así como vitamina B1 (máis do 20%).

O noso corazón benefíciase especialmente do seu contido en graxas, das que máis do 70% son insaturadas (moi cardiosaudables).

Cando falamos dun aporte gradual de enerxía, referímonos a alimentos cunha alta porcentaxe de hidratos de carbono de absorción lenta. No caso da avena, os seus hidratos son maioritariamente polisacáridos, moi saciantes que axudan a evitar o cansanzo, ansiedade e os picos de glicosa. A maiores, o seu contido en fibra favorece o tránsito intestinal (o gran ou o copo como tal. O salvado de avena, que non é que sexa malo, pode dificultar a asimilación do Calcio, polo que o catalogo como a opción menos recomendable a medio e longo prazo.).

A súa inxesta beneficia ás persoas con disfunción hepato-biliar, hipotiroidismo, afeccións dérmicas (eccemas, urticarias, dermatite atópica) tanto vía interna como tópica,…

Ás persoas que practican algún tipo de exercicio físico con regularidade, axúdaas a gañar masa muscular e a redución a inflamación natural que se produce tras a realización de exercicio físico (as persoas con baixo tono muscular tamén se benefician, o que non quita que se “aplace” a abordaxe dun bó plan de acondicionamento físico…).

Como sempre, recoméndovos o asesoramento personalizado cara unha Alimentación Consciente, antes que seguir a etiqueta “alimento-miragre” e introducir cambios na vosa dieta sin xeito e carentes de atención profesional.

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-