Poderiamos falar dunha corrupción con minúsculas?

O fraude no traballo, nas obrigas que temos como cidadáns non son un engano ao ente que chamamos sociedade senón ao veciño, familiar, amigo e a nos mesmos. Entender que nunha sociedade avanzada as partes son tan importantes como o todo é o primeiro paso para recoñecer a nosa responsabilidade. Responsabilidade que se manifesta cando contratamos un servizo que pagamos sen factura, acudimos a un profesional que  traballa en negro, (e o sabemos), mercamos metade A, metade en B,… isto é Responsabilidade social? Podemos esixir Honestidade cando actuamos de costas a ela?

Non encollernos de ombros, xustificar por crise a conduta inmoral e ilegal é tan inxustificable como excusarse no poder ou na época de bonanza. Denunciar aquelas prácticas inmorais e ilegais son a mobilización que realmente se necesita para progresar.

Os escándalos que ocupan as primeiras páxinas da prensa non poden facernos esquecer que estes comportamentos individuais son, no día a día, igualmente ilexítimos, perxudiciais e deshonestos… aínda que non teñan a mesma audiencia.

O “sálvese quen poida” pode conducirnos ao afundimento do barco da solidariedade e os dereitos sociais. Sexamos críticos na conduta individual, informémonos. E non só para exercer o voto político senon nas condutas que conforman o voto social e económico.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica e Psicoterapeuta-