Na situación de crise que vivimos na nosa sociedade, tódolos días vemos novas de persoas manifestándose polos seus cartos ou situacións de desafiuzamentos ou fame. Son expresións ante a negación de necesidades básicas.

Ao longo da nosa vida, os seres humanos temos necesidades. Satisfacemos unha e aparece outra, un proceso indefinido que vai do o nacemento á morte. As necesidades explican o por que da motivación. A  necesidade insatisfeita provoca un estado de desequilibrio que leva a buscar unha meta que compense esa necesidade e produza unha satisfacción.

Abraham Maslow estableceu unha pirámide de necesidades, unha xerarquía por orde de importancia. No nivel máis baixo, aínda sendo moi importantes, están as Necesidades fisiolóxicas. Agás en circunstancias especiais (unha folga de fame, por exemplo), as necesidades de tranquilidade e recoñecemento non son prioritarias cando o estómago está baleiro durante certo tempo. O mesmo acontece con necesidades como o repouso, o exercicio, a vivenda ou a protección contra os elementos.

Cando as necesidades fisiolóxicas son razoablemente satisfeitas, o comportamento é dominado polas necesidades do seguinte nivel: as Necesidades de Seguridade. Son necesidades de protexerse contra o perigo, o medo, a privación. Canto máis seguro está o individuo, máis desexoso está de correr riscos. Pero cando está asustado ou é dependente, as súas maiores necesidades son as garantías, a protección e a seguridade. Un comportamento que reflicta favoritismo ou discriminación, un goberno impredecible en política, poden ser poderosos causantes de insatisfacción deste segundo nivel de necesidades.

Satisfeitas as necesidades Fisiolóxicas e de Seguridade, as Necesidades Sociais convértense en motivadoras do comportamento. Necesidad de pertenza, aceptación por parte dos outros, de dar e recibir amizade e amor.

Por enriba das Necesidades Sociais, encóntranse con maior significado para o individuo as Necesidades do Ego. Relaciónanse coa estima dun mesmo, a confianza en si mesmo, a independencia e os coñecementos. Tamén coas necesidades de posición, recoñecemento, apreciación, respecto que nos deben os demais. Estas necesidades non se satisfán tan doadamente como as necesidades de baixo nivel. O individuo busca indefinidamente máis satisfacción unha vez que as necesidades se converten en algo importante para el.

No cumio da pirámide están as Necesidades de Autorrealización. Fan referencia á necesidade de realizar as súas propias forzas potenciais, do seu desenvolvemento continuo, ser creativo en pleno sentido da palabra. As condicións da sociedade actual fan difícil que esta necesidades poidan expresarse.

A privación das Necesidades Básicas fai desviar á enerxia cara á súa satisfacción, mentres que as Necesidades de Autorrealización permanecen en estado latente.

Alderfer, en contraste con Maslow, sostén que é posible estar en operación máis dunha necesidade ao mesmo tempo e que, se se reprime a satisfacción dunha necesidade de orde superior, aumenta o desexo de satisfacer unha de orde inferior.

Así, en momentos de crise económica prodúcese unha vulneración de necesidades básicas como a vivenda e a alimentación de tal forma que xeneran unha manifestación de protesta social. É unha resposta natural de activación para a busca da satisfacción das necesidades básicas e fundamentais do ser humano. A falta de apoio social ou de canalización da frustración, o medo a quedarse sen o máis básico pode conducir á desesperación que estamos a ver nos medios de comunicación.

Loitar por unha motivación na nosa vida, tamén en tempos de crise vencendo a resignación e a pasividade sírvenos para manter a nosa integridade psíquica e vital.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-