A modo de segunda parte da entrada “Da terra ao estómago”, nesta ocasión comparto con tod@s vós as seguintes tóxicas pinceladas na cociña:

– Como utensilios de cociña, inclinarémonos máis polo emprego dos de vidrio ou cerámica dado que non interactúan cos alimentos. Minimizamos así que substancias alleas pouco recomendables pasen á comida.

– No tocante aos elaborados con barro, tentemos informarnos fehacientemente sobre si están esmaltados con chumbo, un dos minerais causantes de intoxicación crónica (ese estadío patolóxico “e que non sei que me pasa”).

– No momento en que as cacerolas e tixolas de teflón presenten rozaduras-raiaduras… mellor retiralas da circulación dado que, ao igual que cando se someten a altas temperaturas (aceite humeante, por exemplo), liberan substancias potencialmente canceríxenas.

– Prioriza a cocción ao vapor fronte á cocción pura e ao escaldado dado que nestes dous últimos casos as vitaminas e minerais convírtense en náufragos.

– Cando asamos e cociñamos á parrilla efectivamente empregamos moitísimas menos graxas que se freiramos, pero as altas temperaturas que se acadan nestes dous tipos de cocción diminúen á mínima expresión a presenza de micronutrientes e elevan a de substancias canceríxenas.

– Cando optemos por freír, mellor botar os alimentos co aceite ben quente que, aínda non sendo unha boa opción polo xa citado, cando menos evitaremos sobrecargar de graxas trans e calorías vacías aos comensais.

– Estofar, guisar, sofreír e rehogar son catro equilibradas opción á hora de cociñar… sempre e cando non apures aos fogóns.

Antinatural por excelencia

E agora chego a un dos meus artefactos de cociña “preferidos”: o microondas. Con este elemento tan “práctico”, o teatro improvisado por evitar que o leite fervera e se desparramara pola cociña… acabóuse.

A maiores, o choque supersónico ao que se ven sometidos os nutrientes dos alimentos fai que se modifique a súa propia estrutura molecular (información pormenorizada que podedes consultar no seguinte enlace: “microondas y liberación de radicales libres”.)

E como exemplo do aporte do microondas, dous “simples” datos apuntados en estudos realizados por investigadores como o biológo e científico Hans U. Hertel:

1.- Os envoltorios dos alimentos precociñados -“Just Eat”- liberan substancias canceríxenas como o dietilexiladepate en cantidades desorbitadas -entre 200 e 500 ppm (partes por millón), cando o establecido como “tolerable” ronda o 0,05 ppm (para min, intolerable esta desproporción).

2.- Os xenoestróxenos  (un tipo de hormonas) que migran aos alimentos, relaciónanse coa diminución numérica de espermatozoides e co incremento de probabilidades de aparición do cancro de mama.

Equilibremos os nosos modos, gañemos Benestar.

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-