Son os nutrientes que proporcionan a maior parte da enerxía (calorías) que precisa o noso organismo. Divídense en tres grandes grupos: Hidratos de Carbono ou Glúcidos, Graxas ou Lípidos, e Proteínas.

1.- OS HIDRATOS DE CARBONO: tamén chamados Glúcidos, clasifícanse segundo sexan azucres simples (Glicosa, Frutosa), ou complexos (Almidón, Celulosa,…). Son a principal fonte de enerxía do noso organismo, independentemente da nosa actividade diaria e física.
Os Hidratos de Carbono complexos non só achegan enerxía, senón que tamén conteñen outros importantes nutrientes como as Proteínas, Vitaminas e Minerais. Ademais, son absorbidos lentamente polo noso organismo, co que a achega de enerxía é máis constante prolongando a sensación de saciedade e evitando as subas de azucre en sangre e a súa acumulación en forma de graxas.
Os Hidratos de Carbono simples como a Glicosa só achegan enerxía sen ningún outro tipo de nutrientes. Falamos así de “inxesta de calorías baleiras”.
A súa principal función é a de proporcionar enerxía ás células do noso organismo, sendo especialmente sensibles á súa carencia as células do Sistema Nervioso. Tamén interveñen na sintetización de importantes substancias para o metabolismo e na formación do tecido conxuntivo.
Fontes de Hidratos de Carbono simples son: chocolate e derivados, froita seca, bebidas azucradas, marmeladas, mel,  galletas, boleria, xaropes,…
Fontes de Hidratos de Carbono complexos son: maioritariamente os legumes, patacas e os cereais integrais.
A inxesta descontrolada de Hidratos de Carbono pode levar ao desenvolvemento de enfermidades como a obesidade, diabete, arteriosclerose e a padecer afeccións bucais como a caries e molestias gastrointestinais.
Mención especial merece a fibra alimentaria presente nos vexetais. É un tipo de Hidrato de Carbono complexo que estimula o Sistema Dixestivo, axuda a manter estables os niveis de colesterol e azucre en sangue e intervén na detoxicación do organismo.
2.- OS LÍPIDOS: máis coñecidos como graxas, estes nutrientes son unha fonte de enerxía moi concentrada. Son imprescindibles para o organismo dado que no tecido graxo almacénanse as Vitaminas liposolubles (A, D, E e K). Entre outras funcións, cabe sinalar a súa contribución ao correcto funcionamento do Sistema Nervioso, o mantemento da temperatura corporal e o papel do colesterol na construción das membranas celulares e na síntese de certas Hormonas.
Podemos dividir aos Lípidos en dous grupos básicos: as graxas saturadas e as graxas insaturadas.
As primeiras encóntranse maioritariamente en alimentos de orixe animal (aínda que tamén están presentes nalgúns de orixe vexetal como os aceites de palma e de coco), e caracterízanse por manterse en estado sólido a temperatura ambiente. En boa medida, son responsables do aumento en sangue do Colesterol LDL (o que coñecemos como “Colesterol malo”).
As graxas insaturadas son aquelas que tenden a presentarse en estado líquido a temperatura ambiente (os aceites vexetais), aínda que tamén as podemos atopar en estado sólido (nos aguacates, por exemplo). Son unha excelente fonte de Ácidos Graxos Esenciais e contribúen a equilibrar os niveis de colesterol en sangue.
Cabe mencionar que o proceso de hidroxenación ao que se ven sometidas algunhas graxas na elaboración de certos alimentos, provoca que aquelas se enrancien e xeren compostos químicos canceríxenos.
3.- AS PROTEÍNAS: nutrientes clave na infancia e na adolescencia dado o importante papel que desempeñan no crecemento e reparación de todos os tecidos do corpo (están presentes nos órganos, glándulas, músculos, tendóns, pel, uñas, cabelo,…). Algunhas Proteínas regulan a actividade das células, Hormonas e o Sistema Nervioso.
As Proteínas compóñense dunhas substancias chamadas Aminoácidos que se combinan entre si para dar lugar a Proteínas con características propias. Hai 20 coñecidos dos que oito deles son esenciais, isto quere dicir que o organismo humano é incapaz de sintetizalos (non sobreviviriamos sen eles), polo que ten que obtelos directamente do que comemos. Algúns alimentos conteñen todos os Aminoácidos esenciais en maior ou menor medida como é o caso do leite, os ovos, carnes e peixes.
A excepción das contidas na soia, as Proteínas de orixe vexetal non conteñen as mesmas proporcións de Aminoácidos que as de orixe animal, polo que se deben inxerir alimentos complementarios que, ao ser dixeridos, as súas Proteínas se descompoñan non diferentes Aminoácidos que se “reorganizarán” para obter todos os que o noso organismo necesita (tomar cereais con legumes ou froitos secos con cereais é unha boa opción para asegurarse unha equilibrada achega proteica).
Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-