A man do ser humano é terapéutica, e a idea da masaxe, innata.

Cando recibimos un golpe, facémonos unha ferida, sentimos dor… achegamos as mans á zona danada para infurdirlle protección e alivio. Tentamos así restablecer o equilibrio estragado e substituír a dor por benestar.

A quiromasaxe é unha terapia natural e predominantemente manual que aúna diferentes técnicas de masaxe coa finalidade de infundir calma, serenidade, vigor, paz, …

As manipulacións que se realizan actúan directamente sobre a pel, tecidos brandos, sistema cardiovascular, linfático e sistema nervioso. A relaxación muscular que pode chegar a inducir afecta indirectamente á estrutura músculo-esquelética fomentando o benestar articular.

Quiromasaxe

En función dos obxectivos da sesión de quiromasaxe, as manipulacións a empregar varían (relaxar, tonificar, estimular,…), se ben todas se identifican por un ritmo e harmonía propias desta terapia manual.

Recibir unha boa sesión de quiromasaxe proporciona beneficios tais como:

Respiración da pel: estimulamos a renovación celular co arrastre das células mortas. Favorecemos a liberación de residuos nos poros e líquidos estancados, melloramos o seu microrelieve e a elasticidade.

Unha pel ben irrigada, osixenada e hidratada luce saudable.

Drenaxe de toxinas: as manipulacións efectuadas sobre os músculos e o tecido fascial provocan unha masaxe interna que estimula a circulación linfática, a expulsión de maior cantidade de toxinas (as que xeneramos cando comemos, facemos exercicio, respiramos, nos expoñemos a substancias tóxicas vía interna e externa,…) e fomento das funcións dos órganos internos.

Mellora da circulación sanguínea: asegurámonos unha mellor distribución de nutrientes e máis Osíxeno a todo o organismo. Ao diminuír a presión intravenosa e favorecer a circulación de retorno, ralentizamos a aparición de arañas vasculares, combatemos o estancamento venoso e diminuimos a sensación de pesadez.

Mobilización do tecido adiposo: a aplicación de técnicas e produtos específicos promove a combustión dos nódulos graxos, así como a súa expulsión xunto co líquido estancado.  Estimúlanse tanto a circulación sanguínea como a linfática, reafírmase o tecido e prevense/atenúase a aparición de estrías.

Sedación/excitación do sistema nervioso: técnicas suaves e lentas inducen á calma e actúan diminuíndo a percepción da dor. Este efecto sedante contribúe á paz mental e a unha maior achega ás propias emocións ( a tristura que non nos deixa respirar,…).

Técnicas rápidas e enérxicas aumentan o tono e facilitan a contractibilidade muscular.

No ámbito deportivo, a masaxe lenta reduce a ansiedade e a masaxe vigorosa reduce a apatía reequilibrando a sensación de benestar axeitada para a competición.

Fomento da propiocepción: durante unha sesión de quiromasaxe, percibimos as respostas do noso corpo ás técnicas empregadas. Identificamos os puntos de tensión, o movemento muscular, o da nosa respiración,… Un maior coñecemento de nós mesmos favorece o benestar e consolida a Saúde.

Para un bó desfrute e aproveitamento destes beneficios (e máis), as sesións de quiromasaxe non deben levarse a cabo tras a inxesta de alimentos, en caso de procesos infecciosos, febriles, nos tres primeiros meses do embarazo (e nos seguintes tendo en conta as particularidades do embarazo en cuestión), con feridas, infeccións e lesións na pel, durante procesos oncolóxicos (recomendamos a valoración explícita por parte do facultativo que leva o caso), debilidade extrema, roturas e/ ou fisuras músculo-esqueléticas.

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-