A linguaxe sírvenos para entender o mundo que nos rodea pero ademáis é a canle por onde conducir aquilo que sentimos. Certas metáforas que empregamos determinan a expresión física das emocións ata o punto de servir como expresión das diversas somatizacións.

Nos anos 50 o número de suicidios na sociedad tahitiana presentaba unha taxa moi superior ao normal. Levy observou que estes habitantes non posuían na súa linguaxe verbas que expresasen a pena, a tristura. Sentíana, pero carecían da capacidade de manifestala verbalmente e polo tanto da capacidad de canalizala.

O doutor Moreno Tovar* levou a cabo un traballo percorrendo diversas doenzas psicosomáticas en dermatoloxía, poñéndoas en relación con ditos populares e frases feitas. Así “morder a lingua”, “estar de uñas”,”tirarse dos pelos”, “furgar nas feridas”, “vaite caer o pelo” “hinchárselle a alguén os narices”, “caérselle a cara de vergoña”, entre outras, poden ser relacionadas con diversos trastornos psicosomáticos en dermatoloxía.

Podemos formularnos outras expresións da linguaxe, as emocións e as manifestacións físicas que se presentan:

En galego, a verba “doente” tradúcese ao castelán por “enfermo”, pero atopamos a expresión “estar doente” como sinónimo de “estar rabioso”. Así pois, empezamos a ver a menxase de que a rabia pode provocar enfermidade sen que a persoa sexa “consciente” da súa emoción e en cambio aparezca manifestado en distintas metáforas e así, por exemplo “está do fígado”, ou ante unha situación que nos provoca irascibilidade se diga “trágomo todo”. Quizáis haxa que reflexionar se a non correcta canalización desta emoción conleva un malestar no aparato dixestivo…

Estar ata a caluga” de algo ou alguén, pode aparecer somatizado en recorrentes dores de cabeza e ata un catarro pode aparecer cando xa “estamos ata os narices”. Sófrense dores de costas cando “cargamos cun gran peso” familiar, laboral,… Pódenos dar medo se algo “me custa un ril”, e sentimos unha gran pena que “non nos deixa respirar”. E ante a sorpresa “dame un xiro o corazón”.

George Lakoff** no seu libro “Metáforas da vida cotiá” expón que as manifestacións fisiolóxicas das emocións determinan as metáforas que as nomean. Pero, posiblemente as metáforas condicionen á súa vez as expresións sintomáticas das emocións. Así, a rabia parece manifestarse no aparato dixestivo, o medo nos riles, a tristura no aparato respiratorio,…

Escoitar as verbas coas que unha persoa parece expresar o que sente pódenos levar á emoción que subxace e da que non sempre é plenamente consciente por ocultarse tras outra emoción máis “lóxica” para a persoa e que esta “dí” sentir.

A non canalización das emocións pode aparecer expresada na linguaxe e manifestada en síntomas. As metáforas son a ponte de manifestación das emocións pero tamén parecen indicar a estas en que parte somática han de expresarse. A interrelación das expresións lingüísticas e as emocións parece evidente, se ben, descoñecemos por que cada emoción parece elixir un órgano e non outro.

Concepción Rozas. Psicóloga clínica

*Francisco Moreno Tovar: Metáforas “a flor de piel”. Siso/saude. Num. 35/2001
**Lakoff,G; Johnson, M.: Metáforas de la vida cotidiana. Cátedra. Colección teorema.