Hipnos, o fillo da Noite, o deus do soño, era o irmán de Thanatos, o deus da morte.  Críase que ó dormir a alma abandonaba o corpo e vagaba polas tinieblas. Por medo a que non poidera reencarnarse ninguén osaba despertar bruscamente ao durminte.

O misterio do soño empezou a ser desvelado pola ciencia no século XX. En 1953, empregando o rexistro EEG, Kletman e colaboradores descubriron que, en algúns momentos do soño, producíanse rápidas e fortes contraccións da musculatura extrínseca do ollo, imprimíndolle rápidos movementos denominados dende entón REM (Rapid Eye Movement) ou MOR (Movementos Oculares Rápidos). É entón cando soñamos.

No adormecemento, a persoa conserva o contacto co que o rodea. Pode despertárselle facilmente e con frecuencia nega que estivera durmindo. Uns minutos máis tarde pasa a un repouso máis profundo: a etapa II. Aínda é sono lixeiro; pódeselle interrumpir facilmente.  Hai certo nivel de consciencia e é accesible a estímulos concretos de certa carga afectiva. Así unha nai despertará ó primeiro xemido do seu fillo mentres que unha moto ou un camión non perturbarán o seu descanso.

Aproximadamente media hora despois do adormecemento chégase ó sono profundo; a etapa III e a etapa IV. Non hai vida onírica. Este período de sono moi profundo parece ter un efecto reparador sobre a fatiga acumulada polo suxeito durante o día. O durminte repousa totalmente inmóvil, rostro sereo, inexpresivo co ritmo cardíaco máis lento e amplitude na súa respiración. A súa tensión arterial baixou. Se se lle desperta, ten dificultade para adaptarse á vixilia, emite frases incoherentes e se se lle obriga a levantarse, titubea.

Tras a etapa IV, o durminte comeza a axitarse, baixo as pálpebras os ollos póñense a xirar en todas as direccións, os latidos do corazón cambian de ritmo, ó igual que a súa respiración. Despertado, a persoa comeza a contar un soño. Esta fase coñécese como “fase REM”, “soño paradóxico” ou “soño rápido”. Parece profundamente durmido mentres o seu cerebro parece perfectamente desperto. Maniféstase case sempre noventa minutos despois do adormecemento. Dura uns minutos e de novo aparece o soño lento. Despois, oitenta minutos máis tarde, prodúcese de novo. Durante unha noite normal, poden contarse en xeral catro, cinco ou seis períodos de soño paradóxico que interrompen o soño lento.

Concepción Rozas. Psicóloga clínica-Psicoterapeuta