Disciplina holística de estudo e tratamento dos desaxustes producidos no equilibrio estrutura-función do corpo humano.
Etimoloxicamente, a palabra Osteopatía provén do grego Osteon (óso) e Pathos (camiño, efectos que veñen do interior).
A Osteopatía entende o corpo humano como unha totalidade; os tecidos, fluídos e sistemas corporais desempeñan as súas funcións en harmonía. No momento en que nun deles aparece unha anomalía, as estruturas e funcións corporais veranse afectadas por esta como resultado da global interrelación existente.

A Osteopatía foi fundada polo médico estadounidense Andrew T. Still a finais do século XIX como resultado da súa paixón pola mecánica, o minucioso estudo da anatomía humana e da capacidade do corpo humano para restablecerse.

Still criouse nun ambiente rural en contacto permanente coa natureza e as persoas, grazas ao traballo do seu pai (granxeiro e médico) cuxos pasos el seguiu.
Feitos tan traumáticos como a morte de tres dos seus fillos nunha epidemia de meninxite, fano formularse a necesidade de investigar o xeito de ser máis eficaz no traballo cos seus pacientes.

Tras duros e longos anos de investigación, o 22 de xuño de 1874 declara nas súas notas persoais a creación da disciplina osteopática. A partir desta data, Still enfróntase ao rexeitamento de diversos colectivos profesionais e sociais que o levan a encontrarse con graves dificultades económicas. Non obstante, o seu tesón e confianza na terapéutica da Osteopatía lévano a proseguir coas súas investigacións, a iniciar a formación dos seus propios fillos e a fundar en 1892 a Escola Americana de Osteopatía. Andrew T. Still morre en 1917 tendo gañado o respecto e cariño dos seus alumnos, pacientes e concidadáns.

Como discípulo das ensinanzas de Andrew T. Still, cabe citar ao xornalista estadounidense William Garner Sutherland que, tras asistir a unha conferencia dada polos osteópatas Edward C. Pickler e Charles Still en 1897, decide iniciar a súa formación en Osteopatía.
Grazas ao seu espírito emprendedor e investigador, a súa intuición e o estudo da estrutura cranial e a súa relación co corpo humano en conxunto, naceu o revolucionario concepto da Osteopatía cranial e con el toda unha disciplina que hoxe en día segue xerando controversia á par que mantendo as súas mostras de eficacia e, con el, a súa contribución ao desenvolvemento en xeral da Osteopatía como disciplina holística e científica.

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-