Taiji ou Taichi significa “Gran Termo”, “Cumio Supremo”. Quan ou Chuan significa “Puño”. Así, Taijiquan (Tai Chi Chuan) tradúcese como “Puño do Gran Termo ou do Cumio Supremo”. É unha disciplina taoísta que forma ao ser humano en todos os seus niveis:

“Do Tao xorde o Yin Yang, e o Yin Yang é Tai Ji” (“I Ching. O libro das mutacións”, 1122 a. C..)

“Nada baixo o ceo é máis brando e suave que a auga, pero cando entra en contacto coas cousas duras e resistentes, ningunha delas a pode superar. Que o suave vence ao resistente e o brando vence ao duro é algo que todo o mundo sabe , pero que ninguén utiliza.” (“Tao Te King”, Lao Tse, século V a. C..)

Esta é a diferencia principal do Taijjiquan coa maioría das artes marciais. Actualmente, a súa práctica está considerada altamente terapéutica á par que unha actividade deportiva e unha arte marcial interna dentro do Wu Shu chinés (termo que define ao conxunto das atrtes marciais chinesas, 589-420 a. C.).

  • O Taijiquan como arte marcial: os seus movementos expresan a teoría do “Yin Yang” e a súa interrelación a través dos 13 principios (as oito enerxías e as cinco direccións).  Utiliza expandir, ceder, penetrar, adherirse, partir, presionar, empuxar, arrincar, chocar, escoitar,… Desenvolve o cheo e o baleiro, a harmonía e a expresión eterna da forza (Fa Jin).  A súa práctica divídese en interna, de cultivo da circulación do Qi (enerxía interna), e externa utilizando o sistema como método de defensa persoal sen empregar forza bruta (Li), senón forza interna (Jin).
  • O Taijiquan como sistema de saúde holístico: a combinación do movemento correcto coa respiración adecuada, unida a unha correcta disposición mental, dan lugar a un cambio de presión a nivel circulatorio. Este proceso proporciona ao practicante o fortalecemento dos seus ósos, músculos e tendóns; mellora da circulación sanguínea e enerxética, estimula as funcións dos órganos, incrementa a capacidade de relaxación, concentración e memoria, ademáis de serenar a mente.

Breve acercamento histórico: existen varias hipóteses sobre o nacemento do Taijiquan. Citalas todas precisaría de algo máis que un breve resumo orientativo, polo tanto, só nos remontaremos aos anos 50 do século pasado cando o goberno chinés altera o auténtico Taijiquan Tradicional da familia Yang e simplifica os exercicios, estandarizando a súa práctica en secuencias de 10, 24, 42, 88,… movementos. Este Taijiquan recibe o nome de moderno ou simplificado.

O auténtico Yang Taijiquan Tradicional segue, a día de hoxe, transmitíndose dentro e fóra da familia e conserva a pureza da mecánica taoísta orixinal de fai 200 anos e, en consecuencia, todos os seus beneficios íntegros. Os representantes da familia Yang son: Yang Lu-Chan (1799-1872), Yang Chien Hou (1839-1917), Yang Chen Fu (1883-1936), Fu Zhong Wen (1903-1994). Fu Shen Yuan (1931) e Fu Qing Quan (1971) representan a quinta e sexta xeración respectivamente, actuais máximos representantes mundiais deste estilo.

Poderiamos considerar que a beleza do Yang Taijiquan Tradicional reside na súa filosofía, ou ben na súa práctica meditativa ou marcial. De calquera xeito, para moitos é unha das artes marciais internas máis fermosas, refinadas e efectivas creadas polo home.

“Dedicar toda unha vida a unha arte é gozar das súas marabillas. Practicar uns poucos meses e colleitar o beneficio duns poucos meses.”

Por suposto que esta inversión en tempo e traballo (Kung Fu) ten moitas recompensas. A mellor está en desfrutar cada día dos coñecementos, avances e a amizade que nos trae unha práctica sempre transmitida de forma sincera, honesta e clara.

Jesús Alcaide. Monitor-Instrutor e Cinturón Negro 1º Dan de Taijiquan. http://orient-arte.blogspot.com/
Diplomado en Yang Taijiquan Tradicional (Yong Niam España). Varias veces campión galego de Taijiquan. Gañador do “XXIV Campionato de España de Wu Shu Tradicional”, do “IX Campionato Internacional de Wu Shu Cidade de Ourense”, e do “I Campionato Nacional Aberto de Asturias de Wu Shu”, Taijiquan Tradicional.