Chámase  voto económico a aquel que se exerce ao mercar un produto, contratar un servizo.

Con gran facilidade e grandilocuencia oímos unha crítica á explotación de grandes empresas a traballadores locais e foráneos, dos abusos das grandes corporacións fronte ao exercicio profesional de pequenas empresas e autónomos, pero mércanse os seus produtos e contrátanse os seus servizos escusándose en prezos máis asequibles sen entender que así somos cómplices de devastadoras políticas de produción.

E reclamamos dereito a un traballo digno, pero as máis das veces facémolo coma se fose só un valor que nos tivese que dar en exclusiva un estado ou goberno.

E cantas veces os traballadores somos capaces de recoñecer a dignidade no exercicio da nosa actividade? Desvalorizamos o exercicio da nosa profesión, coñecementos, formación e experiencia con prezos irrisorios que non só supoñen unha competencia desleal, senón que, coa colaboración do cliente/usuario, convértense nunha desvalorización global conducente ao autoescravismo.

Pedimos que dende o poder non nos mintan, pero xustificamos o “exercicio do engano” para acadar un fin cada vez que mercamos ou adquirimos un servizo sen cuestionarnos o coste real e as súas implicacións.

Hai quen minte sobre o que vende, o que traballa e o que logra. Pero tamén recoñezamos a nosa responsabilidade en ser críticos cos produtos que mercamos, cos servizos que contratamos e cuestionémonos o impacto colectivo das nosas decisións, a ética do márketing e a sosteñibilidade froito das nosas actuacións.

Na situación social actual atopamos supostos “profesionais” que denigran o seu traballo, o seu coñecemento, formación e experiencia nunha competencia desleal hacia os demáis colegas de profesión, cobrando, por exemplo 10 € por tres horas de traballo.

Algúns preséntanse ofrecendo consultas gratuitas, desvalorizando o seu traballo con prezos ridículos e en moitas ocasións con diñeiro negro e traballando en economía sumerxida.

Asociacións oscurantistas e esotéricas levan a cabo cursos, “terapias”, conferencias e diversas actividades en locais públicos. Eso sí, non pagan IVE, ou aluguer do local (cando non son subvencionadas pola administración), pero se cadra sí lle cobran aos usuarios… E as institucións fanno… polo ben do cidadán?

Así mesmo, plantexémonos non contribuir á autoescravización recurrindo a aqueles profesionais que, establecendo prezos irrisorios, desvalorizan o seu traballo e nos defraudan a todos. O valor dun servizo ou produto componse do tempo, dedicación e formación que o Profesional volca na súa labor diaria. Calidade no Benestar… ou Ilusión de Benestar? Exerzamos tamén este voto.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica e psicoterapeuta-