Na vida, o individuo pode adoptar dúas estratexias fundamentais en relación co mundo que o rodea. Unha estratexia é considerar que o control da situación na que se atopa é externo, ou ben que as propias accións poden producir cambios na realidade. A primeira estratexia provoca un sentimento de resignación e espera polo cambio, a segunda fortalece a persistencia e o estado de ánimo. A ambas, o psicólogo estadounidense Julian B. Rotter denominóunas locus externo de control (a sorte e as forzas exteriores determinan o que nos pasa) e locus interno de control (o control do propio destino).

Pola súa banda, o tamén psicólogo e escritor estadounidense Martin Seligman na súa obra  “Indefensión” expón como nos seus experimentos con animais, aqueles aos que se lles aplicaba repetidamente un estímulo negativo sin que puideran evitalo, -por exemplo, unha descarga eléctrica- “aprendían” a sensación de indefensión. Os exemplares que adoptaron un papel activo para evadilo, aprenderon “control personal” sabendo escapar do estímulo negativo nas seguintes ocasións. A indefensión aprendida ou adquirida (learned helplessness) é a condición psicolóxica na que o suxeito aprende a crer que está indefenso, que non ten ningún control sobre a situación na que se atopa e que calquera cousa que faga é inútil. Como resultado, a persoa permanece pasiva fronte a unha situación dolorosa ou dañina, ata cando dispón da posibilidade real de cambiar esas circunstancias.

Ao investigar o control persoal  nos seres humanos, Ellen J. Langer e col. (Departamento de Psicoloxía da Universidade de Harvard) descubriron que, cando aos anciáns e ás persoas que soportan tensións se lles induce a pensar que poden exercer influencia e control sobre o que lles ocorre – a miúdo, ofrecéndolles verdadeiramente desempeñar un maior control-, adoptan unha actitude máis alerta e vólvense máis eficientes e felices. Cando, por exemplo, aos pacientes dun xeriátrico (en condicións normais, como receptores pasivos dos coidados que lles brinda o persoal do centro) déuselles a opción de intervir no seu propio coidado e se lles fixo tomar conciencia de como podían modificar o seu medio ambiente, evidenciaron mellorías no seu estado de saúde durante as tres semanas seguintes. Aqueles que seguiron sendo obxecto do coidado -agarimoso, pero rutinario- sobre o que non tiñan control algún, seguiron decaendo. A doutora Langer deduciu que “percibir o control é fundamental para o funcionamento humano”.

En condicións de incertidume e crise, a ansiedade e a depresión atopan un bo caldo de cultivo. Na medida na que pensamos que as cousas están fóra do noso control, o sentido de responsabilidade e, sobre todo, a noción de influencia sobre as nosas vidas e o entorno diminúen. Esperar unha actuación que se lle atribúe a outros e, polo tanto, pode darse ou non, conleva unha situación de falta de control que afecta psicoloxicamente á persoa. Pode aparecer o recurso ás condutas supersticiosas ou rituais coa ilusión de recuperación do control, recorrer a adiviños para acadar información sobre o futuro só produce a fuga da realidade, pero non diminúe no tempo a indefensión nin axuda a recuperar a seguridade que proporciona o locus interno de control.

Nas situacións nas que algún feito depende de outros podemos manter o devandito locus interno de control evitando adiviñar o futuro, axustándonos aos datos que posuímos e buscando metas obxectivas. Averiguar información sobre o problema conleva a adquisición dun coñecemento que alivia a indefensión, así como poñer en práctica condutas en diferentes ámbitos da nosa vida que nos permitan sertirnos activos.

Diferenciar entre ter un problema ou que o problema nos teña a nos, así como movilizarnos nas distintas circunstancias fai que nos manteñamos psicolóxicamente activos, fomenta o sentido de dominio e prevén contra a ansiedade e a depresión. Ao igual que Penélope, tecer e destecer non adianta a chegada de Ulises, pero mantén alonxados aos pretendentes.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-