As “concertinas” dos valos de Ceuta son calificadas polo ministro Fernández Díaz como “disuasorias”.

Quizáis cumpriría que o ministro coñecera un par de nocións básicas sobre o que motiva ás persoas a actuar. Na base da pirámide da teoría de Maslow, atópase a satisfacción das necesidades fisiolóxicas (comer, beber, vivenda,…), e só cando estas se satisfacen, búscase o sentirse a salvo de perigos e ameazas.

Unha medida como as “concertinas” non pode disuadir da conduta de saltar un valo e poñer en risgo a integridade física, porque a motivación principal non satisfeita correspóndese coas necesidades básicas.

En ocasións, pode obviarse a fame por fins como a liberdade ou a xustiza, pero non se obvia a fame polo risgo da seguridade e ameaza á propia vida, xa que a fame é unha ameaza en si mesma.

Aínda así, se o fundamento psicolóxico non “resulta suficiente” como argumento, señor ministro, non esqueza a razón ética e legal: as “concertinas” vulneran os artigos 3 e 5 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-