Piaget escribiu que “a intelixencia é a solución dun problema novo para o suxeito, é a coordinación dos medios para alcanzar un certo obxetivo que non é accesible de modo inmediato”.

Se observamos as reaccións dalgúns individuos ante un problema, vemos que a definición de Piaget parece allea a súa realidade.

Hai quen ante as dificultades pretende ser un superheroe e, en vez de recurrir a profesionais, pretende solucionalo por si mesmo. As consecuencias son, en moitas ocasiones, a elevación á enésima potencia do problema primario.

Outros aférranse ao establecido nas normas-leis-tradicións, rixidamente “grazas” ao medo pretérito que os paraliza ou lles impide ver as posibles alternativas ante un novo conflito.

Podemos atoparnos a persoas que só son capaces de interpretar unidimensionalmente a realidade facendo un onanismo das dificultades e inconvintes na cuestión sen plantexarse posibilidades de saída. Que o problema é que unha alfombra non cabe nun habitáculo, propoñen tirar os tabiques, obviando a solución máis simple. O principio da navalla de Ockam resulta ser ignorado non só en apariencia senón en esencia.

Tamén os hai que activan o neno que levan dentro. Mantéñense obstinadamente na resposta que non o é, buscan inmediatez ou recurren á autoridade que lles proporcione seguridade, respaldo ou “salvarse” de tomar decisións.

E quen non coñece a quen actúa como o avestruz facendo como que o problema non existe, esperando que o problema se solucione diluíndose no tempo ou  acomodándose nunha dinámica de culpabilizar a outros ou a sí mesmos e así eximirse de tomar decisións.

Para resolver intelixentemente os problemas é importante ter claro o obxectivo a acadar, o cal por obvio non sempre é o común. Dito obxectivo debe ser concreto e operativo. Coñecer de que datos dispoñemos ou como obtelos, comprobar se son suficientes ou recurrir a profesionais en caso necesario, están entre as posibles instrucións de uso.

Así pois, atopar criterios para distinguir as boas das malas solucións e acadar os obxectivos pode evitar non só o malestar persoal senon minimizar os conflictos sociais.

Concepción Rozas. Psicóloga clínica-Psicoterapeuta