Con motivo do accidente ferroviario do 24 de Xullo en Santiago de Compostela, os medios de comunicación comezaron a falar das consecuencias psicolóxicas para os pasaxeiros, familiares, amigos, veciños, persoal médico e de seguridade.

Debemos sinalar, en primeiro lugar que, calquera individuo baixo determinadas circunstancias pode ser incapaz de enfrentarse ao estrés dunha situación traumática.

Nos medios de comunicación atopamos novas de accidentes, tornados, inundacións, terremotos, asasinatos en serie, bombas terroristas,… Un evento traumático é algo especialmente destrutivo na vida das persoas, familias e comunidades.

Hai traumas inducidos polo ser humano accidental ou deliberadamente como no caso da violencia, e traumas naturais de tipo anticipado (furacáns) ou imprevisibles como terremotos e algúns tornados, por exemplo.

As persoas afectadas sentirán síntomas fisiolóxicos como taquicardia, sudoración, mareos, tremor extremo,… e tamén psicolóxicos como confusión, rabia, pesadelos, aplanamento emocional, incredulidade, medo ou tristura profunda.

Os heroes, testemuñas e curiosos poden ser vítimas secundarias e sufrir culpa, ansiedade, pesadelos,… como resultado do que observaron e experimentaron.

A variedade de reaccións poden aparecer aos poucos días do suceso ou meses despois. Moitos son os factores que determinan a resposta do individuo: o tipo de personalidade, a experiencia acumulada durante a vida e a súa actitude ante o mundo; a interacción do individuo, o evento e o ambiente. Tamén relaciónase coa historia previa, a fase de desenvolvemento e distintos factores de risco.

Aparte das dinámicas intra e interpersoais, cada suceso ten unhas características únicas. Dependendo destas propiedades, o impacto psicolóxico pode variar. A súa intensidade cando o suceso traumático se produza sen advertencia previa, nun ambiente relaxante e/ou festivo, duración alta, de noite e que cause moito dano ou mortes.

Os desastres tecnolóxicos normalmente son máis estresantes que as catástrofes naturais. O lugar onde un se localiza respecto do suceso tamén é importante (a maior proximidade o risco é maior). O contacto prolongado con mortos ou feridos, as mortes de bebés e cativos, as visión, sons e olores inusuais tamén aumentan o impacto. Aqueles traumas que se perciben como algo que se podería ter evitado poden xerar reaccións emocionais moito máis intensas.

Así pois, os eventos críticos que implican maiores riscos psicolóxicos son os inesperados, os que ameazan a vida e os causados por factores humanos.

Algunhas persoas non precisarán de axuda externa, pero para outras unha intervención apropiada pode ser moi valiosa.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-