En épocas de crise atopámonos cun fenómeno chamativo no ámbito profesional da saúde. Proliferan supostos “profesionais” solucionadores da angustia e a desesperación. Empregan “técnicas” e “terapias” non contrastadas que rondan o esotérico e que sen o menor rubor e estudos califícanse de terapeutas e psicoterapeutas. Os seus termos orixinariamente relixiosos disfrazados de científicos transmiten a mensaxe de que únicamente eles e non a persoa teñen o control “máis alá do ben e do mal”, “máis alá da saúde e da enfermidade”. O emprego destes termos enganchan na raíz socialmente máxica que está instaurada no profundo do individuo.

Podemos velos anunciados en carteis pegados en calquer parede, que levan a cabo os seus cursos, terapias e actividades en locais públicos, auspiciados polo concelleiro de turno.

VenddsFume A súa falta de ética lévalles a figurar como salvadores das persoas, familias e incluso do mundo. Non recoñecen a capacidade de autocontrol do individuo nin a súa capacidade como transformador do seu pensamento e realidade.

Deberíamos recoñecer aqueles terapeutas con formación e experiencia que non vaian de salvadores nin prometan solucións máxicas ou pseudorelixiosas. Básico na práctica terapéutica é o traballo conxunto terapeuta-paciente, a implicación e responsabilidade entre e para ambas partes, o respeto polas variables personais, sociais, económicas do paciente; a abordaxe profesional co gallo de restablecer patróns saudables, clarificar actitudes e conceptos contrarios á Saúde,… servir de GPS, non de gurú.

O uso de termos relixiosos e astrolóxicos que son empregados coma se de conceptos terapéuticos se tratasen deben servirnos de alerta. Prometen harmonía coas leis universais coma se cada persoa non fose un mundo en sí mesmo, leis só coñecidas por estos espiritualistas que afirman ter as chaves que abren as portas ao subconsciente. Aqueles que garanten resultados e falan de “felicidade” coma se en vez dun construto subxetivo fose un elemento cuantificable, deben facernos sospeitar das verdadeiras intencións e a verosimilitude das solucións a todos os “problemas” da Vida.

A promesa do binomio “todo en positivo-eliminación do negativo” (emocións, acontecementos, condutas,…) coma se o negativo non formase parte da vida e dos retos que cada un ten que afrontar, é o máis claro exemplo da ignorancia no que ao coñecemento do ser humano se refire.

Os vendedores de fume que medran en momentos de crise aproveitándose da angustia e sensabores das persoas, só poden desaparecer cando non acudamos a eles e cando protestemos por estar amparados por políticos interesados.

Fuxamos das solucións máxicas e tamén daqueles que, se non valoran a súa profesión, tampouco han valorar á persoa que acude a eles.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica e Psicoterapeuta-
Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-