Tanto para cociñar e facer sabrosos caldiños e potaxes, como para nutritivas ensaladas mornas, a horta do Inverno procura unha variada gama de vexetais:

Acelgas: verdura de catro estacións, doce meses ao ano. Refréscovos o apuntado na entrada “Verduriñas de Outono” (regulación do tránsito intestinal, redución do ácido úrico e molestias reumáticas) e engádovos o seu alto contido en Calcio, Magnesio, vitaminas A e C. Imprescindibles na alimentación das embarazadas. Cabe apuntar que, como conteñen bastantes oxalatos, as persoas con cálculos biliares ou litiase renal deben consumilas con moderación.

Apio: aromático onde os haxa, o apio é un dos verdes máis tonificantes, drenantes e depurativos. Actúa sobre o Sistema nervioso e estimula o correcto funcionamento das glándulas endocrinas (hormonas en equilibrio). Versátil en crú para ensalada ou para sorprender nunha exquisita sopa.

Borraja: verdura moi apreciada pola súa versátil combinación con outras verduras axudando na súa coción (acorta os tempos). Moi antioxidante dado o seu contido en vitaminas A e C, potenciadora das funcións do Sistema inmunitario e favorecedora da formación de coláxeno (pel-uñas) e glóbulos vermellos (transporte de nutrientes, por exemplo).

 

 

Cabe destacar que o consumo estable deste tipo de verduras axuda enormemente a bloquear as enzimas promotoras do cancro, sobre todo os de mama, fígado, colon e pulmón.

Cenorias: 365 días ao ano e sego mantendo a paixón que por este tubérculo mostraba o simpático coello Bugs Bunny. Crúas, ao vapor, pola mañá, pola tarde, como estrelas ou en combinación con outros verdes,… as cenorias son mestras antioxidantes moi agradables ao paladar. Vitamina A a raudales, antianémica como poucas, e protectora da función visual e pel-cabelo-uñas. Suxírovos probar un zume tempraneiro recén feito na casiña con apio, mazá e cenoria; vitamínico agarimo para o voso aparato dixestivo, osixenante asubío para todo o organismo.

Escarolas, leitugas, endivias,…: bases para unha consistente ensalada. Aportan grandes cantidades de Ácido fólico (a vitamina B9) necesario para o crecemento celular (embarazadas do mundo, tomade boa nota!) e para afrontar o cansanzo e o insomnio, estados significativos da súa carencia.

Tamén conteñen vitaminas A e C (mucosas en plena forma e resistencia ante as infeccións respectivamente), e minerais como o Potasio, Calcio e Ferro.

Espinacas: unha das verduras máis ricas en vitamina A da que se benefician a túa vista, pel, Sistema inmunitario e Sistema nervioso. Importantes cantidades de vitamina C e o xa famoso quinteto mineral Calcio-Cobre-Ferro-Magnesio-Potasio (actúan en sinerxia favorecendo a súa recíproca absorción. Por eso, de pouco sirve fartarse a complementar a dieta con Calcio ou con Ferro se os demais minerais son deficitarios).

Nabo: contén minerais como areas hai na praia, ademais de vitaminas A, B e C. Unha xoia vexetal reconstituínte a nivel sanguíneo, moi alcalinizante, e protectora das vías respiratorias e o Sistema nervioso.

Navizas e grelos: son as follas do nabo sen e xa florecidas respectivamente, ambas moi apreciadas polos paladares galegos. Conteñen substancias anticancro e redutoras dos niveis de colesterol en sangue, así como máis cantidade de proteínas e fibra que o propio nabo. Salteadas, ao vapor ou en caldo, resultan suaves ao paladar. A consumir con moderación polas persoas con dixestións lentas.

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-