Os días 15 e 22 do pasado mes de Outubro 2011, METYS Formación en Saúde Integral impartiu o obradoiro “Estrés, Depresión e Sistema Inmunolóxico” con unha grande acollida por parte d@s asistentes.

Aquí tedes as reseñas da temática tratada no tocante aos aspectos psicolóxicos e físicos para que poidades expresar as vosas opinións ao respecto e contribuir cos vosos comentarios de cara ás vindeiras accións formativas de METYS.

-Abordaxe psicolóxica-

Partindo dun modelo integrativo de patróns, condutas, pensamentos e emocións, abordamos a depresión, o estrés, o duelo e o síndrome de “estar queimado” dun xeito teórico para a súa comprensión e con prácticas para a súa abordaxe.

Falamos das emocións máis relacionadas coa depresión e o estrés (tristura, culpa, preocupación ou rabia), así como a súa canalización aprendendo a distinguir cando son normais e cando hai que relativizar os feitos que parecen provocalas.

Así mesmo, analizáronse desde un modelo integrativo os pensamentos e condutas que aparecen con máis relevancia e cales son as estratexias para poder modificalos.

Os distintos exercicios levados a cabo sírvennos para coñecer o que sentimos, pensamos e como actuamos e así adecualos a unha situación concreta mellorando o noso bienestar psicolóxico.

-Abordaxe física-

O noso Sistema Inmunolóxico abrangue todas as moléculas, células, tecidos e órganos que se encargan de que os axentes patóxenos non entren e/ou permanezan e se reproduzan no noso organismo.

Ao longo deste obradoiro tivemos a oportunidade de coñecer a súa composición, funcionamento e interacción con outros sistemas orgánicos como o Nervioso, Endocrino e Linfático.

Tamén como na operatividade do Sistema Inmunolóxico inflúe tanto a agresividade dos axentes patóxenos como a calidade do noso medio interno. Esta calidade pode verse alterada pola desestabilización dun órgano e do sistema ao que pertence dadas carencias nutricionais, prácticas pouco saudables e a deficitaria xestión das nosas Emocións. Por outra banda, identificamos o compoñente emocional de certas afeccións e tamén a tradución somática dos conflitos emocionais (Psiconeuroinmunonoloxía).

Por último, tratamos a influencia de certos aspectos da nosa vida cotiá na Calidade de Vida do Ser humano, como melloralos e a aportación da achega naturopática de cara a paliar e revertir os efectos do ritmo de vida actual e de negativos costumes moi interiorizados na sociedade na que vivimos.

Somos Corpo, Mente, Espírito e Ser social. O noso Benestar baséase na Saúde destas catro esferas do Ser humano, Saúde entendida como o Equilibrio máis que como a mera ausencia de enfermidade.

Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-
Concepción Rozas -Psicóloga clínica-