Ao longo das xornadas das que se compuxo o obradoiro, abordóuse, dun xeito holístico, o ciclo vital da muller na súa vertente psicolóxica e física.

No campo psicolóxico, tratáronse as emocións máis influíntes no desenvolvemento diario como a tristura, o medo ou a envexa e os seus tipos nas relacións. Así mesmo, comentáronse algún dos pensamentos máis presentes e que condicionan o noso estado de ánimo e o vivir cotiá. Abordáronse os esquemas básicos de comunicación, patróns condicionantes nas relacións e as estratexias máis eficaces para acadar un maior benestar psicosocial.

A nivel físico, percorrimos as etapas que compoñen o ciclo vital da muller. Partindo dunha amena exposición da anatomía e fisioloxía feminina (dende a constitución física ata o fundamental papel desempeñado polo Sistema endocrino), abordamos os diferentes cambios que se producen ao longo das distintas etapas (a menarquia ou aparición do ciclo menstrual, a idade adulta, o climaterio) e tamén os que veñen dados por acontecimentos tan importantes como a maternidade.

Achegámonos ás patoloxías máis comúns ou que afectan predominantemente ás mulleres (patoloxías xinecolóxicas, desaxustes hormonais, trastornos alimentarios,…) e tratamos as diferentes ferramentas que a actuación naturopática pon á nosa disposición para previr as consecuencias físicas das mesmas, así como para mellorar a nosa Calidade de Vida.

Concepción Rozas -Psicóloga clínica-
Ana Sánchez -Naturópata, Osteópata-